domingo, 11 de novembro de 2007

Esencia de cuore

O estilo peixeiro ou verduleiro que xa hai tempo que veñen desenvolvendo os programas que tratan de escarbar na vida dos (supostos) famosos, vaise impoñendo pouco a pouco. O outro día, en 59 segundos, un periodista chamaba a outra idem fascista e acusábaa de engordar a ETA, ainda que, como é xa normal, apenas se se entendían os insultos entre tanto berro e interrupción. Agora xa ata as reunións internacionais chegan a ser un patio de veciñanza deses nos que case todo remata en xuizo de faltas. Leo e miro que Chavez, ese personaxe que sempre quere ser o morto nos enterros, o neno nos bautizos e a noiva nas vodas (o noivo ten demasiado pouco protagonismo para el), interrompe a alocución de Zapatero para botarse a insultar a Aznar. ¡Qué tempos aqueles en que Chavez ainda nos enganaba coa súa retranca...! Curiosamente, iso deume a oportunidade a ver, por unha vez, a Xoan Carlos I de Borbón facer algo útil (acertado ou non, pero sen dúbida útil): dicirlle que cale. Parece que Chavez está tan entregado a esa diarrea verbal que o leva a facer programas de TV de 6 horas que non é capaz de calar e escoitar nunca... En calquera caso, os tempos son chegados de que aqueles videos dos parlamentarios de Taiwan meténdose de hostias non vaian ter valor ningún. Para o próximo cumio latinoamericano igual chegan ás mans e ata entenderemos os insultos e todo (o chinés de Taiwan ainda non o dominamos e ningunha canle de TV se molestou xamáis en alugar un traductor que nos comentase por qué se pegaban). Vía a columna de Pereiro coñecín hoxe unha frase de Joseph Pulitzer que lle da un certo aire de futurologo: "una prensa abyecta, cínica, mercenaria e demagoga producirá co tempo unha sociedade igual de abyecta". Non sei se é esta mesma sociedade a que demandaba ese tipo de prensa ou se, como di Pulitzer, esta creou a aquela... pero é unha mágoa. Boas noites e boa sorte... pero ao contrario.

7 comentários:

Raposo disse...

Comentáballe este fin de semana a unha amiga que o que tiñan que facer Chavez e Aznar e deixar de insultarse e liarse a hostias. Como os parlamentarios de Taiwan, vamos!
A ver si hai sorte e un día se deciden.
Apertas.

Hai Cada disse...

Moi boa, Sr. Raposo, penso que iso os retrataría tal e como son, sen enganos :).
Apertas

Clara Flor disse...

A hipocresia é un defecto que goza de soberana e continua impunidade. Unha frase de Moliere, que se adapta a este estilo informativo.

Apertas ao lonxe

Anónimo disse...

O de Chavez foi moito e ségueo sendo. Nos comentarios de Akin, non sei en que post, participaron varios venezuelanos e estaban desesperados pola censura e control que había. Mesmo tiñan medo de escribir as súas queixas pois non confiaban en ninguén. E aquí andamos bailándolle a auga a ese dictador de opereta. Veremos agora que pasa.

besbe disse...

ola moza, alédome de volver a atoparte, un bico.

Respecto a estes acontecementos, pois moi lamentable todo, xa non hai educación nin onde debía habela e ao final todo se convirte nun circo e hai certas cousas que non deben ser tratadas dese xeito.

Hai Cada disse...

Peke, o Radical ten unha prima de vinteepico anos que ven de pasar cerca de medio ano nunha misión en Venezuela. As cousas que contaba eran incribles: á sanidade (cando a hai) outórgase á xente coma se fose unha limosna saída do peto do propio Chavez, as guerrillas colombianas andan a trasladarse a Venezuela, que alí lles dan máis cancha e calquera que quere facer algo por mellorar algún eido, ainda que sexa en plan onegué, arrisca a súa vida. Isto último ten unha razón moi sinxela: son competencia para o presi, que quere ser o Benefactor Único. En fin, penso que o seu pasado golpista xa da bastantes pistas sobre cómo vai o conto.
Interésame o dos venezolanos do blog de Akin, botareille unha ollada, a ver se o atopo.
Grazas :).

Hai Cada disse...

Besbellinha, canto tempo e qué bo verte por aquí!!!
Apertas