quarta-feira, 3 de outubro de 2007

Motivos...

Longa ausencia deste caderno... houbo motivos bos e malos. Dunha parte ¡viva, viva! VA-CA-CIÓNS. Fantásticas, viaxe polos USA, parques nacionais de perder o sentido, road trip por Utah, asomar ao Grand Canyon, facer o parvo en Las Vegas... en fin, supoño que xa contarei máis sobre a viaxe. Despois, volta ao traballo uns días e outra vez ¡viva, viva! Vacacións en Galiza, esta vez cunha ilusión ainda máis especial, xa que eran as primeiras que iamos pasar nunha vivenda nosa e non de alguén da familia. E por esas andabamos, arranxando o niño, cando ocurriu o malo... nunha noite agradable, ceniña na eira que ten miña sogra a poucos quilómetros da casa, uns poucos amigos e uns sobriños adorables (os meus). Pero todo o mundo sabe que aos sobriños os carga o diaño, así que xogando, xogando, tropecei co pobre Alberto e caín ao chan de frente. Botei o brazo a tripa... e o partin. Técnicamente, fractura de cabeza de radio. Por sorte, a ecografía de Urxencias di que o ser pequeno está ben: iso axuda a pasar a dor só con Nolotil. Despois quedou un sentimento de fraxilidade, de medo a levar outro golpe no brazo sen protección (só levei escaiola 4 días) e de agotamento de rular de médico en médico. Xa só me quedan dúas sesións de rehabilitación e xa pasou case todo. O ser pequeno medrou moito neste tempo, ata o punto de causarme anemia, a buscou espacio (é decir, estou gorda, gorda).

Agora xa me podo preocupar da habitación do neno, do parto e de se teño bodis dabondo para cando naza, porque a cabeza do meu radio deixou de ocupalo todo. De cando en vez, toco a cicatriz que me quedou no queixo: xa case non doe nada, nin sequera ao premer. Voltamos á vida normal, ainda que o ser pequeno hai tempo que lle deu outro sentido á palabra normalidade.

5 comentários:

X disse...

Acabo de descubrir o seu blog a través de leoeosseus, parabéns polo ser pequeniño, voltarei por aquí. Saúdos.

Anónimo disse...

Xa me preguntaba onde te meteras. Coida ese brazo e coida ese ser pequeniño. Esperamos fotos cando naza. :)

paideleo disse...

Eu xa puxera o teu blogo na listaxe de blogos parados pero enmendo outra volta.
Que todo vaia ben: a perna, o menino e o radical.

torredebabel disse...

vaia, agardamos por ti e voltas cun brazo maliño. Que non sexa nada e pase moi rápido! Apertísimas!

Hai Cada disse...

Grazas a todos, estou feliz hoxe porque rematei a rehabilitación, que me estaba a comer unha chea de tempo tódolos días. Agora a tratar de esquecerme de que o brazo estivo malo algunha vez.
Apertas.