segunda-feira, 18 de junho de 2007

A Odisea


Estivemos a fin de semana +venres en Galiza, celebrando o 40 aniversario de voda de meus pais. Todo moi ben, o marisco moi rico, a familia moi cariñosa... pero hai que voltar ás obrigas, e así o fixemos o domingo, xa avanzada a mañá. Así que cargamos a equipaxe e a atravesar Portugal, coma sempre. Esta vez tiñamos o corpo aventureiro e decidimos intentar unha nova ruta evitaportagems, e de paso para evitar o stress que supón conducir uns 200 kms. pola A-1 (Porto-Lisboa), o habitat natural desa raza de portugueses kamikazes que son quen de adiantar pola dereita a 150 kms./h. Así que, tan contentos, marchamos a descubrir mundo por unha ignota autovía con boa pinta e pouco tráfico, que atravesaba a Serra da Estrela. A descoberta durou aproximadamente 40 kms.: o Radical dixo que ía saír no desvío, que o carro non tiraba. Dito e feito, collemos o desvío e alí quedamos, plantados no medio do carril de saída. Ningún intento de volver a circular funcionou. O Radical demostrou unha vez máis que está feito para as crises: non parecía nin preocupado. Saiu a poñer os triángulos, mentres a min me tremían as mans (estabamos no medio do carril, ocupándoo case por completo) buscando o número de asistencia. Por suposto, para aumentar a preocupación, o meu móbil estaba morto e o do Radical, moribundo, pero fixo o servicio. A grúa, guindastre, reboque o como lle queirades chamar apareceu no tempo indicado (45 minutos) e levounos a unha aldea de por alí. Entón quedamos a agardar qué facían con nós. Badajoz estaba lonxe (uns 350 kms.) e noutro país, así que había que ver qué decidía España... durante dúas horas estivemos cruzando os dedos, porque unha das opcións era levarnos en taxi á fronteira máis próxima (Ciudad Rodrigo) e alí darnos un carro de aluguer, en fin, recorrer tropecentos mil kilómetros e de carreteiras chungas... por sorte, a solución foi mellor: preguntáronnos se tiñamos problema en ir no "reboque", e despois de dúas horas na aldea vendo os preparativos da festa grande de Santo Antonio, mesmo teriamos ido a cabalo. O conductor quería ir á festa, así que mandou a un colega máis novo que levase o "reboque", connnosco de paquetes. O colega resultou ter a doble condición de semimudo (só conseguimos que dixese "tres horas", e "si") e portugués kamikaze... no último tramo, pensei que podía chegar a abortar, o tipo ía a 120 por unha corredoira vida a máis pola que nós non pasamos de 100 cun coche. Chegamos a Badajoz xusto a tempo para ver ás hordas de jíbaros que saían a ondear bandeiras e facer ruido por ter ganado a Liga. Case 12 horiñas de viaxe e unhas poucas de preocupación. Pero bueno, o carro xa está reparado, o ser pequeno está ben e todo o demáis pasará a ser unha anécdota. Por escrito queda.

6 comentários:

peke disse...

Vaia aventura, mimadriña! Se me pasa iso, creo que me poñería histérica. Ou non, nunca se sabe.
Ben polo Radical.

nenodanorita disse...

Vaia peito que lle botades, pegarvos esas palizas no teu estado... Alégrome de que non pasara nada malo. Se eu che contase algunha experiencia de viaxe con embarazada...

paideleo disse...

Menos mal que rematou ben esa aventura.
Se hai algo que boto en falta dos EEUU é a maneira de conducir daquela xente. Muito temos que aprender os ibéricos.

Marinha de Allegue disse...

Caramba pois que final tan bo. Así da gusto.

Unha aperta
:)

torredebabel disse...

eu como tampouco son moi aventureira que digamos, por moito menos ca isto, xa estaba chorando coma tola!

Olves disse...

Aventuras de esas templan los nervios, ¿eh?
Apertas