quarta-feira, 28 de novembro de 2007

Preparados, listos... ¡xa!

En menos de unha hora, o tempo que tardemos en chegar a Vigo, ingresarei no hospital. Din os que saben que pola mañanciña comezarei a traer ao ser pequeno a este mundo exterior, probablemente con certa axuda química (ou non, quén sabe). O que sí que é case seguro é que en 24 horas como moito xa sexamos dous e non un pack. O Radical ven de camiño e parece que chegará para o evento. Por certo que o ser pequeno vaise chamar Iago.

domingo, 11 de novembro de 2007

Esencia de cuore

O estilo peixeiro ou verduleiro que xa hai tempo que veñen desenvolvendo os programas que tratan de escarbar na vida dos (supostos) famosos, vaise impoñendo pouco a pouco. O outro día, en 59 segundos, un periodista chamaba a outra idem fascista e acusábaa de engordar a ETA, ainda que, como é xa normal, apenas se se entendían os insultos entre tanto berro e interrupción. Agora xa ata as reunións internacionais chegan a ser un patio de veciñanza deses nos que case todo remata en xuizo de faltas. Leo e miro que Chavez, ese personaxe que sempre quere ser o morto nos enterros, o neno nos bautizos e a noiva nas vodas (o noivo ten demasiado pouco protagonismo para el), interrompe a alocución de Zapatero para botarse a insultar a Aznar. ¡Qué tempos aqueles en que Chavez ainda nos enganaba coa súa retranca...! Curiosamente, iso deume a oportunidade a ver, por unha vez, a Xoan Carlos I de Borbón facer algo útil (acertado ou non, pero sen dúbida útil): dicirlle que cale. Parece que Chavez está tan entregado a esa diarrea verbal que o leva a facer programas de TV de 6 horas que non é capaz de calar e escoitar nunca... En calquera caso, os tempos son chegados de que aqueles videos dos parlamentarios de Taiwan meténdose de hostias non vaian ter valor ningún. Para o próximo cumio latinoamericano igual chegan ás mans e ata entenderemos os insultos e todo (o chinés de Taiwan ainda non o dominamos e ningunha canle de TV se molestou xamáis en alugar un traductor que nos comentase por qué se pegaban). Vía a columna de Pereiro coñecín hoxe unha frase de Joseph Pulitzer que lle da un certo aire de futurologo: "una prensa abyecta, cínica, mercenaria e demagoga producirá co tempo unha sociedade igual de abyecta". Non sei se é esta mesma sociedade a que demandaba ese tipo de prensa ou se, como di Pulitzer, esta creou a aquela... pero é unha mágoa. Boas noites e boa sorte... pero ao contrario.

quarta-feira, 7 de novembro de 2007

Galiza, un pouco máis lonxe...

Poucas veces unha noticia dun xornal, ou máis ben unha decisión política, afecta tanto a propria vida. Case sempre as resolucións administrativas xerais que nos "tocan" en canto a cidadáns reparten a súa carga entre moitos e, se son manifestamente inxustas terminan por corrixirse ou alomenos suavizarse. Sen embargo, cando se adopta unha disposición contra un colectivo pequeno e disperso, as probabilidades de loitar contra ela quedan anuladas.
A noticia de que a Consellería de Educación pecha o concurso autonómico, por primeira vez en moitos anos, aos profesores que andan a traballar noutras comunidades autónomas caeu na miña casa coma se fose unha bomba: as probabilidades que o Radical tiña de voltar a Galiza quedan reducidísimas. Obviamente, está arrabiado, a súa especialidade hai máis de dez anos que non convoca novas prazas en Galiza, de xeito que as opcións eran dúas: ou presentarse noutra comunidade ou quedar de sustituto-interino (segundo cadrara cada curso) para toda a vida. Elixiu a primeira, gañou unha oposición nunha terra que non o discriminou por non ter acento pata negra e notárselle que é galego apenas abre a boca, pero sempre coa esperanza de voltar. Ou alomenos de que o deixen competir... Ata agora, sempre fora así: botaba a instancia e había outros con máis puntos. Sempre o aceptamos deportivamente: sacaban máis puntos ca el. Pero isto é diferente: nacemos en Galiza, estudamos en Galiza, non conseguimos estabilidade no traballo en Galiza, a pesares diso, invertimos parte do que gañamos noutra terra en Galiza... e Galiza péchanos a porta.

As explicacións da Consellería son absurdas: Galiza é unha comunidade con lingua propria e vai ser ben difícil topar a algún non galego o que non vivira unha tempada longa en Galiza que teña calificación lingüística dabondo para obter praza no concurso. É simplemente unha medida para ter contentos aos de dentro e os de fóra... bah, total son catro gatos e moitos xa nin votan en Galiza (non é coma se levaramos 50 anos no Brasil... aquí non nos visita ninguén na campaña electoral).

En fin, pensabamos que o ser pequeno (que xa empeza a non ser nada pequeno e a facer moito bulto no meu ventre) podería pasar boa parte da súa infancia na Galiza. Xa veremos. Agora non sei se insistirlle en que pronuncie as eses do final das palabras ou non...