segunda-feira, 18 de junho de 2007

A Odisea


Estivemos a fin de semana +venres en Galiza, celebrando o 40 aniversario de voda de meus pais. Todo moi ben, o marisco moi rico, a familia moi cariñosa... pero hai que voltar ás obrigas, e así o fixemos o domingo, xa avanzada a mañá. Así que cargamos a equipaxe e a atravesar Portugal, coma sempre. Esta vez tiñamos o corpo aventureiro e decidimos intentar unha nova ruta evitaportagems, e de paso para evitar o stress que supón conducir uns 200 kms. pola A-1 (Porto-Lisboa), o habitat natural desa raza de portugueses kamikazes que son quen de adiantar pola dereita a 150 kms./h. Así que, tan contentos, marchamos a descubrir mundo por unha ignota autovía con boa pinta e pouco tráfico, que atravesaba a Serra da Estrela. A descoberta durou aproximadamente 40 kms.: o Radical dixo que ía saír no desvío, que o carro non tiraba. Dito e feito, collemos o desvío e alí quedamos, plantados no medio do carril de saída. Ningún intento de volver a circular funcionou. O Radical demostrou unha vez máis que está feito para as crises: non parecía nin preocupado. Saiu a poñer os triángulos, mentres a min me tremían as mans (estabamos no medio do carril, ocupándoo case por completo) buscando o número de asistencia. Por suposto, para aumentar a preocupación, o meu móbil estaba morto e o do Radical, moribundo, pero fixo o servicio. A grúa, guindastre, reboque o como lle queirades chamar apareceu no tempo indicado (45 minutos) e levounos a unha aldea de por alí. Entón quedamos a agardar qué facían con nós. Badajoz estaba lonxe (uns 350 kms.) e noutro país, así que había que ver qué decidía España... durante dúas horas estivemos cruzando os dedos, porque unha das opcións era levarnos en taxi á fronteira máis próxima (Ciudad Rodrigo) e alí darnos un carro de aluguer, en fin, recorrer tropecentos mil kilómetros e de carreteiras chungas... por sorte, a solución foi mellor: preguntáronnos se tiñamos problema en ir no "reboque", e despois de dúas horas na aldea vendo os preparativos da festa grande de Santo Antonio, mesmo teriamos ido a cabalo. O conductor quería ir á festa, así que mandou a un colega máis novo que levase o "reboque", connnosco de paquetes. O colega resultou ter a doble condición de semimudo (só conseguimos que dixese "tres horas", e "si") e portugués kamikaze... no último tramo, pensei que podía chegar a abortar, o tipo ía a 120 por unha corredoira vida a máis pola que nós non pasamos de 100 cun coche. Chegamos a Badajoz xusto a tempo para ver ás hordas de jíbaros que saían a ondear bandeiras e facer ruido por ter ganado a Liga. Case 12 horiñas de viaxe e unhas poucas de preocupación. Pero bueno, o carro xa está reparado, o ser pequeno está ben e todo o demáis pasará a ser unha anécdota. Por escrito queda.

sexta-feira, 1 de junho de 2007

Fotos sí

Estes días tivemos fotos. As stars do evento foron o meu útero e o ser pequeno que xa acadou a frioleira de 5 cms. Disque o ser pequeno parece un varón (non é seguro), o cal non me extraña nadiña, pois levo case dous meses quentándolle a cabeza ao Radical con que hai que centrarse en nomes de neno, que teño a intuición de que é un neno. O Radical retrucaba co meu cincuenta por cento de probabilidades de acertar e tal. Cousas da xente de ciencias...
O problema é que a nosa lista de nomes de neno é limitadísima e pouco entusiasta. Para colmo, nada común as preferencias do Radical e as miñas. O vivir fóra de Galiza tampouco axuda: ambolos dous comprobamos empíricamente cos colegas do traballo que aquí ninguén é capaz de pronunciar "Anxo" e tampouco é cousa de que remate por ser o "ancho" da escola infantil. En fin, que se admiten suxerencias... xa non somos quén de mirar máis listas de nomes: á fin acaban soándome todos iguais.