domingo, 27 de maio de 2007

Telemérida

A fin da xornada electoral rematou na nosa casa cun zapping obsesivo entre Canal Extremadura e telegaita (digoooo, Televisión de Galicia... ainda que mentres sigan a poñer o Luar, con telegaita queda). En Extremadura todo sigue máis ou menos igual, o PP está o máis cerca que pode da Junta (xa o dicía o seu candidato, Floriano, no último mitin, que nunca se sentira tan cerca). Vaia, que quedou a 11 escanos ou algo así. As cidades seguen a ser, non obstante do PP. Excepto Mérida, onde os axustadísimos resultados do 2003 (gañou o PP 13-12 por 150 votos) deron a volta e agora proporcionaron maioría ao PSOE. Telemérida, unha cadea que saltou á fama por ser "sede" dun escándalo sexual que chegou a ter ampla difusión en Internet, seguía con ansia a noite electoral: o xefe de informativos facía contas con unha libreta e un lapis e o compañeiro do lado xestionaba o sector tecnolóxico cun móbil ao que lle ían chegando resultados das mesas. Ao da libreta non lle cadraban as contas e o único que balbucían era que ainda podía cambiar moito. Pero ao chegar ao 100%... ufff. Só acertaron a decir: pues hay cambio, no pasa nada. Inmediatamente, cortaron a conexión e engancharon con Telemadrid, que debía estar máis festeira a cousa por alí... Meus pobres. Por certo que a web de Telemérida é pra vela...

sábado, 26 de maio de 2007

Novo caderno, casa nova

Volto a este medio, despois de meses e meses sen escribir. Moitas cousas cambiaron nestes tempos: a cidade, o traballo, a casa... ¡ata a hipoteca, iso que semella estar sempre aí! E ainda virá un cambio máis fondo e que fai que ande nas últimas semanas de moi bo humor, malia as náuseas e o cansanzo ocasional. Houbo diversas razóns para deixar o blog anterior: por un lado, o contacto co mundo do ladrillo para facer a mudanza deixoume sen folgos para a "lírica". Despois, solventado ese problema, tiven problemas de adaptación á nova cidade (iso que lle chaman morriña e que eu pensaba que os galegos só sentiamos por Galiza... pois non, eu botaba en falta aquela Roma belloteira e, sobre todo, os amigos que alí deixei). O cambio no traballo tamén foi demoledor: moreas de papeis, xefes que dan ganas de facer que lle abran a unha un expediente disciplinario con razón e, ainda que con boa relación cos compañeiros, sempre tratando de mediar nos conflictos que levan anos enquistados entre eles.

Isto é en parte unha disculpa pola miña despedida á francesa... non fun quén de contestar aos amables comentarios que apareceron na última entrada do meu blog. Ao principio, porque non pensaba que fose a última en realidade, despois, por puro desánimo e máis tarde, porque parecíame case inútil unha despedida.

En fin, que aquí estou e quero quedar nesta casa nova que quero poñer tan linda coma a da foto. Supoño que terei alomenos un lector: o que leva insistindo periódicamente que volte a escribir.

Vémonos.